FERROL360 | Sábado 12 marzo 2016 | 12:34
Este domingo terá lugar unha nova andaina do programa municipal «Ponte en ruta con nós» cun éxito rotundo de participación. De feito, para esta nova cita o Concello de Narón tivo que ampliar a oferta de prazas debido á elevada demanda.
«Un total de 210 persoas realizarán o percorrido deste mes, o que supón todo un récord na cifra de participantes no que vai deste programa», sinalou o concelleiro de Deportes, Román Romero.
Os camiñantes realizarán a ruta Maciñeira e partirán a pé desde o polideportivo da Gándara ás 10:00 horas e irán ata a Fervenza do Belelle, no concello de Neda, discorrendo boa parte do traxecto polas inmediacións do río Belelle.
A ruta é duns doce quilómetros –o tempo estimado para realizala é de tres horas e media- e ao finalizar o tramo un autobús recollerá aos participantes para levalos de regreso ata o polideportivo da Gándara.
A próxima convocatoria terá lugar no mes de abril, o domingo día 24. Neste caso, os participantes percorrerán «Os camiños milenarios do Val», unha ruta duns dezasete quilómetros que tamén partirá do polideportivo da Gándara en autobús cara ao Pazo Libunca, donde comezará a camiñata. A dificultade é alta e a duración estimada de catro horas.
As persoas interesadas poderán inscribirse no pavillón polideportivo da Gándara, en horario de 09:00 a 13:00 horas e de 16:30 a 18:30 horas, abonando unha cuota de tres euros para o desprazamento en autobús ata o punto de partida do percorrido e para o regreso ata a Gándara unha vez finalizado.
A data límite para apuntarse, mentres existan prazas, é o xoves anterior ao día da saída. A actividade tan só se suspenderá no caso de que a Axencia Estatal de Meteoroloxía decrete alerta laranxa ou vermella.
A programación está organizada polo Concello de Narón e a empresa Arasti Barca e conta coa colaboración do persoal de Protección Civil de Narón.