Publicidad

San Sadurniño amplía a recollida do lixo porta a porta a 25 lugares de Naraío e Igrexafeita

FERROL360 | Mércores 16 marzo 2016 | 18:30

O Concello de San Sadurniño continúa expandido polo municipio o proxecto de recollida do lixo porta a porta. Despois dunha primeira fase iniciada na parroquia de Ferreira, comezou a pasada semana un novo roteiro que abrangue ata 25 lugares de Naraío e Igrexafeita.

O obxectivo é reducir custes no servizo e alcanzar a máxima eficiencia ambiental no posterior tratamento dos residuos.

Ao longo do percorrido, de 52 quilómetros, hai instaladas illas de colectores, que contan na súa maioría cun verde para o vidro, outro azul para o papel e o cartón, un amarelo para plástico, latas e bricks e un cuarto colector gris para o resto de residuos, como zapatos vellos e residuos que non encaixarían nos outros depósitos.

Non hai colector para o orgánico, pois o Concello, que leva varios anos promovendo a compostaxe caseira, repartiu pola zona pequenos composteiros e o colectivo ADEGA ofrece consellos sobre como utilizalos, ademais de facer a formación inicial sobre o novo sistema de recollida.

Para o consistorio, a clave do modelo de recollida está na separación e, canto mellor se faga, máis aforro económico e ambiental reportará. O procesado de material reciclable -papel, vidro e envases- non ten custes para o Concello, indican, e destacan que se se elimina a parte orgánica tamén se está rebaixando considerablemente a cantidade de lixo que vai para SOGAMA. A experiencia de Ferreira demostrou que se pode reducir en máis da metade o volume enviado a Cerceda e, ademais, tamén se confirmou un importante aforro en combustible ao substituír o camión compactador por un pequeno furgón.

Agárdase repetir deste xeito en Igrexafeita e Naraío os «bos resultados» alcanzados nos últimos meses en Ferreira, tal e como apunta a titular da área de Servizos, Amparo Calvo. «Iniciamos as probas do porta por porta o martes da semana pasada e no desta xa fixemos unha recollida completa. A xente está respondendo moi ben á idea e estase adaptando sen problemas desde o primeiro momento malia que para a maioría supón un cambio de hábitos. É algo que ten moito mérito se temos en conta que en moitos lugares viven persoas cunha idade avanzada.»