Publicidad

O festival ‘A Mocidade coa Lingua’ enche de música xove o Auditorio de Ferrol

FERROL360 | Venres 18 marzo 2016 | 18:07

A gran festa da música dos centros escolares da comarca encheu este venres o Auditorio de Ferrol. 800 rapaces de oito centros acudiron ao festival ‘A Mocidade coa Lingua’, no que participaron cinco grupos: tres noveis e dous semiprofesionais.

O primeiro en subir ao escenario foi Polaina, un coro do IES Carvalho Calero, que interpretou unha versión de Lela, de Castelao. Logo tocoulle o turno a Indianos, formado por alumnos do IES de Neda, e a Eigth Swing, con rapaces dos centros do Montojo, Canido e Concepción Arenal, que traducen e cantan blues con ritmo de bossanova.

O punto final correu a cargo dos grupos Blues do País, con temas que versionan e traducen ao galegos de melodías populares do blues con moita sorna, e Sacha na Horta, que se definen como ‘agropachanga’.

O festival estivo coordinado polo concelleiro de Participación, Álvaro Montes e Pilar Patiño, a fronte da Coordinadora de Equipas, que neste 2016 cumpre os 25 anos desde a súa constitución a prol da lingua que implica aos mestres e aos alumnos.

O encargado de dar a saída a esta festa da música foi o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, que animou aos mozos empregar o galego en todos os planos das súas vidas e a ficar en Ferrol, logo de completar os seus estudos, para servir de motor para a revitalización da cidade e da comarca de Ferrolterra.