MARCOS ABALDE | ‘Ferrol Rebelde’ | Venres 25 marzo 2016 | 11:35
Nos anos corenta Amalia Fraguela traballou limpando os servizos públicos que estaban baixo o palco da música do Cantón. En 1912, funda o pioneiro grupo anarquista feminino a Antorcha. Estas libertarias redactan un manifesto animando ás mulleres a construír un mundo sen deus nin amo. O laicismo é outra constante da cultura proletaria, por iso Amalia Fraguela evita os nomes do santoral e inscribe a súa filla no rexistro civil do concello como Luz Armonía.
A loita contra o encarecemento dos alimentos protagonizou o primeiro mitin convocado polas mulleres ferrolás en 1919. Estas activistas pertencían ao Grupo Feminino Socialista. A súa secretaria, Josefina Neira Fernández, colaborou no voceiro socialista El Obrero. Tamén destacou como oradora en defensa dunhas condicións de vida máis dignas para as clases populares ou en actos de solidariedade internacionalista, como o realizado para reclamar a liberdade de Rosa Luxemburgo.
Outro fito da loita das mulleres pola xustiza social foi a constitución en 1909 da Sociedade de descargadoras e cargadoras do peirao. As mulleres cobraban por realizar o mesmo traballo que un home un terzo do seu salario. Tanto abuso non podía continuar. Amparo Foxo e vinte traballadoras máis crean en Esteiro este sindicato exclusivamente para mulleres. O seu local estaba na rúa San Amaro, 8. Chamábase a Unión feminina.
Fraguela, Neira ou Foxo, ferrolás pioneiras, lúcidas e rebeldes que hai un século intuíron aquel verso de Xoana Torres: «As mulleres sostemos a metade do ceo». E redactaron manifestos, deron mitins, fundaron sindicatos.
*Os roteiros de ‘Ferrol Rebelde’ guiados por Marcos Abalde son os sábados e domingos, ás 11:00 e 17:00 horas. Inscrición previa no teléfono 640 65 13 14.