Publicidad

San Sadurniño abre as inscricións para acoller nenos saharauís no verán

FERROL360 | Xoves 31 marzo 2016 | 19:20

O Concello de San Sadurniño e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí colaboran, un ano máis, co programa Vacacións en Paz, un proxecto de acollida de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto. A iniciativa pretende que os menores coñezan outra cultura e desconecten das dificultades que viven nos campos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria.

As persoas interesadas deberán formalizar a solicitude na oficina de Igualdade do Concello antes do 18 de abril, data límite para comezar a organizar os acollementos deste ano. As familias participantes terán que comprometerse a coidar e manter os pequenos e pequenas durante a súa estadía e facer unha achega económica para poder manter o programa Vacacións en Paz. A contía é de 240 euros que poden ingresarse todos xuntos, en dúas cotas de 120 euros ou en mensualidades de 20 euros durante todo o ano.