FERROL360 | Domingo 3 abril 2016 | 17:01
Os pacientes da área sanitaria de Ferrol diagnosticados de Esclerose Lateral Amiotrófica -ELA- contan cunha nova consulta monográfica sobre esta enfermidade, que se activou recentemente na Xerencia Integrada de Ferrol.
Pola evolución desta enfermidade, os pacientes tiñan que realizar visitas ata en tres especialidades distintas, coas súas correspondentes probas. Agora, poderán acudir nun só día e seren atendidos inicialmente en tres ámbitos: a neuroloxía, a nutrición, e a pneumoloxía.
Nesa nova consulta ofrécese unha atención multidisciplinar na que o especialista en Neuroloxía mantén unha permanente coordinación cos Servizos de Endocrinoloxía e de Pneumoloxía, onde tamén existen profesionais referentes para estes pacientes, así como unha enfermeira de enlace do CHUF, o que permite unha asistencia moito máis áxil en todo o proceso.
Os pacientes da área sanitaria contarán tamén cun número de teléfono ó que chamar ante calquera dúbida. O obxectivo desta nova consulta «é mellorar a calidade da asistencia que se ofertaba a estes pacientes», explica o especialista en Neuroloxía Javier Naveiro Soneira.
A consulta ofrécese un venres ó mes e comezou o pasado 26 de febreiro con seis pacientes. A segunda tivo lugar este venres 1 de abril e atendéronse outros seis pacientes. «As persoas que viñeron amosaron un alto grao de satisfacción coa consulta», explica o facultativo.
Como se desenvolve a consulta
Os pacientes aténdense de xeito programado cada dous ou tres meses, segundo o caso, e atendedo tamén á demanda en función das necesidades. O día da cita coordínanse as consultas cos especialistas de Neuroloxía, Pneumoloxía e Nutrición para que non se teñan que desprazar en tres días distintos para seren atendidos.
«A idea é ir ampliando a consulta, incluíndo a Rehabilitación, Psicoloxía e Traballo Social, que xa colaboran. Tentaremos ampliar tamén a Otorrinolaringoloxía e a Dixestivo; coa súa correspondente Enfermaría. Esta iniciativa non sería posible sen a correspondente colaboración e traballo de todos», engade Naveiro.
Por outra banda, a atención telefónica continuada realizarase en días laborais, de 09:00 a 15:00 horas e unha enfermeira xestora de casos atende a estes pacientes.
Favorecer a asistencia
A ELA é unha enfermidade dexenerativa de tipo muscular, e orixínase cando as células do sistema nervioso, denominadas motoneuronas, diminúen gradualmente o seu funcionamento provocando unha parálise muscular progresiva.
Existen dúas formas, a esporádica, que comprende entre o 90 % e o 95 % dos casos, e non ten carácter hereditario; e a familiar, que abrangue entre o 5 % e o 10 % dos afectados, e ten un compoñente familiar. No CHUF trátanse ó redor de 15 casos actualmente e prodúcese unha media de dous novos caso ó ano desta enfermidade.