FERROL360 | Luns 11 abril 2016 | 16:06
O pavillón municipal de San Sadurniño acolleu esta fin de semana o II Campionato de Ximnasia rítmica Concello de San Sadurniño, no que participaron un total de 200 ximnastas pertencentes ao clube local Brío e agrupacións do resto da provincia e de Lugo.
O Ximnasia Oroso, o Colexio Internacional Eirís e o Ximnasia Compostela coparon a maioría dos podios, aínda que o Brío obtivo unha meritoria segunda posición na categoría prebenxamín por equipos.
A competición comezou cunha exhibición das prebenxamíns de Brío e a partir de aí comezaron as probas, divididas en dúas quendas: primeiro os grupos e, tras un descanso, as individuais. O Ximnasia Rítmica Compostelasubíu en catro ocasións ao podio, vencendo ademais en prebenxamín e alevín individual.
O equipo de Oroso fíxose con cinco trofeos: primeiro e segundo posto en individual infantil, un terceiro en benxamín e dous subcampionatos en alevín e infantil por equipos.
Por último, o Colexio Internacional Eirís venceu en benxamín individual, alcanzou o segundo posto en alevín e destacou no apartado por equipos, cun subcampionato en benxamín e a victoria en alevín e infantil.
O equipo local tivo que conformarse cun subcampionato na categoría prebenxamín por equipos, aínda que deixou claro que, malia ser unha formación relativamente nova, conta cunha canteira con moito potencial.