Publicidad

O Pazo da Cultura de Narón recibe durante unha semana a visita de preto de 1.500 escolares

FERROL360 | Martes 19 abril 2016 | 17:31

Dende este luns, o Pazo da Cultura de Narón acolle unha serie de representacións da obra 2021: Unha odisea na Terra, unha peza coa que poderán divertirse ata 1.472 alumnos de distintos centros de ensino de toda a comarca.

A vicepresidenta do Padroado da Cultura e concelleira da área, Marián Ferreiro, sinalou que esta actividade supón «unha magnífica oportunidade tanto en materia didáctica para os espectadores e espectadoras como para o alumnado da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores do Padroado da Cultura de Narón», que representa esta obra.

2021: Unha odisea na Terra é unha comedia de aventuras, dirixida polo actor e director naronés José Prieto, sobre os problemas causados pola contaminación ambiental e coa que se tratan de impulsar boas prácticas persoais e sociais sobre o coidado do medio e a educación en valores. Está producida pola Escola de Teatro do Padroado da Cultura e colabora o Grupo de Educación Viaria da Policía Local de Narón, ao estar inspirado nas actividades que desenvolve ao longo do ano o colectivo.

Os primeiros en vela foron os alumnos dos colexios Santiago Apóstol e Ponte de Xuvia e este martes foi o turno dos estudantes de Jorge Juan, Virxe do Mar. As representacións continuarán coas visitas dos nenos e nenas dos colexios da Solaina, Piñeiros, San Sadurniño, O Feal, a Gándara, Neda e Valdoviño. Onte presenciaron o espectáculo rapaces e rapazas dos colexios Santiago Apóstol e Ponte de Xuvia.