FERROL360 | Martes 26 abril 2016 | 14:14
Os promotores da campaña de recollida de sinaturas en contra da instalación da planta de gas en Cedeira decidiron ampliar a duración da mesma para poder trasladar a iniciativa ao conxunto da poboación. Así, os veciños teñen á súa disposición as follas para asinar en contra desta instalación na maioría dos negocios e sedes sociales da vila, segundo informa o Concello.
O goberno local busca deste xeito acadar o maior número de apoios posibles ás accións encamiñadas a evitar a construción da planta en Esteiro, entre outras a presentación de alegacións en base a incumprimentos de carácter urbanístico.
A presidenta da entidade veciñal de Esteiro, Josefa Piñón, asegura que os veciños teñen interese en participar e o o alcalde, Pablo Moreda, agradece o apoio e a colaboración que a veciñanza está a amosar ao Concello e á entidade.
Moreda lembra que este asunto afecta ao conxunto do municipio e móstrase confiado en parar a iniciativa industrial coa axuda dos veciños e coas argumentacións legais recollidas nas alegacións. O rexedor espera reunir un número elevado de sinaturas que obrigue á empresa a ter en conta a opinión dos afectados e a desistir na execución do proxecto, alomenos no lugar previsto.