FERROL360 | Martes 26 abril 2016 | 14:36
Os Concellos de Narón e Fene organizan unha serie de charlas para profundizar na problemática da vespa asiática. Así, Narón colabora coa delegación de AGA Ferrolterra nas charlas que se impartirán este martes e mércores sobre a campaña de control da avespa asiática, mentres que Fene prepara unhas xornadas informativas para os meses de abril e maio.
En Narón, a primeira convocatoria terá lugar na tarde este martes, a partir das 19:00 horas no local social da Pombiña, en Pedroso. A segunda charla será este mércores, ás 20:00 horas, nas instalacións da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes.
A Asociación Galega de Apicultura lembra que estes meses de primavera son os máis axeitados para aplicar as diferentes técnicas de trampeo que permitan controlar o avispón asiático, unha perigosa especie inimiga do medio ambiente. Así, nestas charlas haberá demostracións sobre cómo elaborar esas trampas.
No transcurso destas charlas informarase aos asistentes sobre a vida e o comportamento da velutina; os colectivos afectados; sistemas de vixianza e control, así como da necesidade de colocar trampas na primavera para capturar ás raíñas e a eliminación de niños nas tempadas de verán e outono.
As persoas interesadas en contactar coa entidade para obter máis información poden facelo a través do número de teléfono 661 378 960 ou do correo electrónico: dagaferrol@hotmail.com.
Xornadas en Fene
A Concellería de Medio Ambiente de Fene organiza nos meses de abril e maio unhas xornadas informativas sobre vespa asiática abertas á veciñanza. Con esta actividade, coordenada pola Casa do Mel de Goente, quérense dar a coñecer as características principais desta especie, os riscos que implica e as precaucións e métodos de actuación no caso de atoparse con este tipo de vespa.
As charlas comezarán este mércores, ás 20.00 horas, no local social da ACRD O Pote de Maniños. A continuación, o local social da CCRD de Perlío acollerá a charla este xoves ás 19:30 horas. Xa no mes de maio as sesións terán lugar o día 3, ás 19:30 horas, no local social da A.VV. De Fene e o 10 de maio, ás 19:30 horas, no local social do CPS de San Valentín.
O domingo 22 de maio, ás 11:00 horas, a charla terá lugar no local social da A.VV San Xurxo de Magalofes e o sábado 28 de maio, ás 19:30 horas, no local social da A.VV. Santa Eulalia de Limodre. Para finalizar, o 31 de maio, ás 19:30 horas, o local da ACDR Liga de Amigos de Barallobre acollerá a derradeira charla.
As persoas interesadas en asistir a calquera das charlas poden levar unha botella de plástico xa que na charla realizarase unha demostración da fabricación de trampas caseiras.