FERROL360 | Martes 10 maio 2016 | 16:28
O Concello de San Sadurniño acaba de abrir o prazo de presentación de propostas para xestionar a cantina da área recreativa do lugar de Currás durante os meses do verán.
Trátase dun contrato menor que se resolverá en base á oferta económica que se faga -o mínimo son 100 euros-, pero tamén valorando a ampliación do horario de apertura, o programa de limpeza das instalacións ou a variedade de produtos que se ofrezan.
Dende o consistorio explican que a persoa adxudicataria deberá comprometerse a, entre outras cousas, abrir o local entre o 20 de xuño e o 11 de setembro e, como mínimo, entre as 15:00 e as 21:00 horas durante todo o período, así como os luns, mércores e venres das 11:00 ás 14:00 horas, nos meses de xullo e agosto, xa que eses días hai cursos de natación polas mañás.
As ofertas técnicas e económicas poderán presentarse no Concello ata as 14:00 horas do próximo 27 de maio. A documentación completa para optar á xestión da cantina pode consultarse na Secretaría-Intervención ou descargarse nesta ligazón.