FERROL360 | Mércores 11 maio 2016 | 9:43
O Concello de Narón está a actualizar o seu directorio público de entidades, tanto do municipio como da comarca, que desenvolven actividades na localidade. As asociacións que desexen formar parte deste directorio deben enviar un email a: escoladeparticipacion@cidadania.coop.
Tamén poden descargar na páxina web do Concello o impreso que deben cumprimentar e entregalo asinado no Rexistro municipal. No directorio actual figuran 41 asociacións agrupadas por áreas de traballo: veciñais, de mulleres, culturais e socioculturais, sociosanitarias, de diversidade funcional, Anpas, deportivas, profesionais e de turismo.
Á hora de inscribirse os representantes das entidades deben facilitar o nome da mesma, o dunha persoa de contacto, o enderezo postal, o número de teléfono e, no caso de dispoñer dos mesmos, correo electrónico, páxina web e perfís en redes sociais.
Entre os obxectivos deste traballo, ademais de actualizar a información de contacto das entidades cidadás, está o feito de que poidan establecer unha vía de traballo a través da que compartir experiencias e información sobre as súas respectivas áreas.