FERROL360 | Sábado 21 maio 2016 | 00:00
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio promoverá a partir do próximo luns unha semana de actividades na Rede de Parques Naturais de Galicia, entre os que se atopan as Fragas do Eume. Cada parque contará con actividades deseñadas especificamente, co obxectivo de promover entre a sociedade o coñecemento dos elevados valores naturais destes espazos.
Así, o vindeiro 27 de maio máis de 100 alumnos de centros da contorna tomarán parte en charlas informativas e nunha ruta pola beira do río, ata a ponte colgante de Cal Grande, así como tamén farán a ruta dos encomendeiros ata o mosteiro de Caaveiro. Despois de xantar, os alumnos participarán en diferentes xogos e elaborarán debuxos cos que se formará un panel sobre o parque.
Ademais desta programación específica, durante toda a semana haberá outras actividades abertas ao público en xeral como ciclos de cine, paneis divulgativos, concursos ou xornadas gastronómicas sobre alimentos dos parques.