Publicidad

Arranca a Semana da Mobilidade e Seguridade Vial de Narón

FERROL360 | Luns 23 maio 2016 | 19:35

O Concello de Narón inicia con obradoiros, exposicións e unha camiñata os actos do programa da Semana da Mobilidade e Seguridade Vial. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, inaugurou este luns o programa de actos que se celebrará ata o vindeiro domingo.

Nun acto no Pazo da Cultura, o edil incidiu en que a convocatoria a desenvolver «é un compendio de todo o traballo realizado ata o de agora e está encamiñada sobre todo aos rapaces, pero tamén a moitos outros colectivos sociais». O concelleiro agradeceu o traballo realizado polo equipo de Educación Vial do Concello de Narón, organizador dos actos, e de todo os participantes.

Pola súa banda, o médico Carlos Piñeiro, que impartiu un obradoiro para maiores sobre hábitos de vida saudables, falou aos asistentes do proceso de aproveitamento de oportunidades para manter o benestar físico aumentando a calidade de vida das persoas.

«Temos que aproveitar todos os recursos existentes nun territorio, neste caso nun municipio, e intentar orientalos a mellorar o tempo e a calidade de vida», subliñou. Saúde, participación e seguridade son, explicou, os pilares do envellecemento activo sobre os que hai que traballar día a día.

Ao rematar o obradoiro, comezou outro sobre medidas de autoprotección na vivenda, impartido polo Equipo de Emerxencias de Narón, no que se ensinou aos asistentes a adoitar determinadas medidas ante situacións de risco na vivenda ou nas rúas.

Pola tarde, os veciños do municipio participaron nunha camiñata desde o Pazo da Cultura ata o mosteiro do Couto e tamén houbo clases de zumba no marco do «Parking day» na Praza da Gándara.

Programación

O programa deste martes comezará ás 10:30 horas no Pazo da Cultura. Alí se presentarán as curtas realizados nos colexios de Narón baixo o título «Eu Narón seguro», ao que asistirán os nenos e nenas dos centros educativos participantes e aberto ao público en xeral.

A esa mesma hora –e ata as 12:30- retomarase o «Parking day» na rúa 25 de Xullo, cunha exposición de traballos de alumnado da asociación Nosa Señora de Chamorro e tamén pola mañá, a partir das 10:00 e ata as 13:00 horas e de 17:00 a 20:00, habilitaranse o Parque de Prevención da Fundación Mapfre e a Casa de Evacuación na praza de Galicia.

O Parque de Prevención centrarase mañá nos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, aos que se ensinará a evitar condutas de risco e tamén a coñecer e respectar os sinais de tráfico. A Casa de Evacuación é unha estrutura duns 150 metros cadrados coa que se divulgarán unha serie de normas básicas de evacuación en caso de incendio e tamén coñecementos de Primeiros Auxilios.

O Pazo da Cultura acollerá a presentación, ás 18:30 horas, do conto Moucho e Cuquiña, dirixido a alumnado de educación Infantil e primeiros cursos de Primaria. Finalizada a presentación da obra, sobre as 19:00 horas, dará comezo no Pazo a representación da obra 2021: Unha odisea na terra, cuxa entrada é de balde.

Así mesmo, entre as 16:00 e as 17:00 horas terá lugar a actividade «Vive a coral», do «Parking day» na praza da Gándara e outro sobre «Mesturas, pinta ao aire libre», na mesma ubicación, entre as 17:30 e as 20:00 horas.