Publicidad

Narón celebra a tradicional recreación das Lendas da Pena Molexa

FERROL360 | Sábado 18 xuño 2016 | 11:29

Xogos populares, deporte rural e música para celebrar a tradicional recreación das Lendas da Pena Molexa. O lugar de Vilasuso, na parroquia do Val, será este sábado o escenario da representación, organizada pola Concellería de Cultura de Narón e a asociación veciñal Os Irmandiños.

O programa comezará ás 18.00 horas cunha xornada de xogos populares e de deporte rural. A música tomará o relevo a partir das 20.30 cunha actuación a cargo do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura.

Desde as 21.00 horas serviranse as primeiras racións de ‘churrasco molexo’ e ‘bocata lopeso’ –a prezos populares- preparadas na zona para a ocasión. A música regresará novamente á programación festiva a partir das 22.30 da man do grupo folk Zoadeira.

A tradicional recreación das Lendas da Pena Molexa será a partir das 00.00 horas. Nesta ocasión, o alumnado de Silvia Casal, profesora da Escola de Teatro de Narón, escenificará dúas lendas, unha protagonizada por unha moura e outra por un rei e varios guerreiros, ambas coincidindo no tempo so solsticio de verán.

A posta en escena terá lugar nun entorno inmellorable, xunto ao Castro de Vilasuso, un dos elementos patrimoniais máis recoñecidos e valorados da citada parroquia naronesa. Ás 00.30 horas voltará a música, cunha repichoca popular a cargo do Dúo Boreal, e tamén se prenderá unha lumeirada, como marca a tradición do San Xoán.