Publicidad

Pintada reivindicativa este domingo na Ribeira de Barallobre

FERROL360 | Venres 24 xuño 2016 | 11:13

O Colectivo veciñal da Ribeira de Barallobre levará a cabo unha pintada reivindicativa este domingo, que contará con varios artistas como Dulce Anca e Loli Fernández. A entidade convida aos alumnos dos centros de ensino de Fene a participar nesta actividade reivindicativa e festiva, que comezará ás 12:00 horas na Ribeira de Barallobre.

Este domingo cúmprese o primeiro aniversario do inicio das accións de protesta do colectivo para pedir a mellora e recuperación do entorno da Ribeira de Barallobre. Para conmemorar a data como merece, a entidade organiza unha serie de actos festivos e reivindicativos que van desde a pintada, ata un xantar veciñal e actuación musical.

Así, a xornada de pintura comezará para os artistas ás 12:00 horas. A continuación, terá lugar un xantar veciñal aberto á cidadanía na mesma Ribeira e ás 18:00 horas será o turno da pintada dos rapaces. Xa ás 20:30 horas celebrarán a habitual concentración de fin de mes con propostas e opinións da cidadanía e para finalizar a xornada haberá unha actuación musical.