Publicidad

A XVIII edición do Oenach Atlántico de Sedes abre as súas portas

FERROL360 | Sábado 30 xullo 2016 | 13:55

O recinto feiral do Trece acolle esta fin de semana a décimo oitava edición do Oenach Atlántico de Sedes. Unha cita na que se desenvolverán unha gran variedade de actividades artesanais, teatrais, deportivas, musicais e de baile, así como un mercadiño artesán.

A programación arrancou este venres á noite coa recreación do renacemento do Lume Novo Solsticial nas pallozas da Aldea Castrexa e o concerto de Leilía, incluída na Noite de Música Galiciana.

Este sábado procedeuse á apertura da Campa castrexa na que veciños e visitantes poderán mercar diferentes artículos nos trinta postos que compoñen o mercadiño artesán. Ao longo do día haberá mostra da artesanía de Luthieres; artesanía en vivo e obradoiros didácticos sobre construción de vivenda, tecido, cociñado castrexo, photocall castrexo e animación teatral.

Na propia Campa acotarase durante o sábado e o domingo unha zona lúdica para que os asistentes, tanto nenos e nenas como maiores, participen nunha gran variedade de xogos. O Oenach Gastronómico ofrecerá aos asistentes a posibilidade de degustar alimentos grellados, forneados e doces.

Na tarde deste sábado haberá actuacións teatrais, xogos populares e obradoiros de enredos tradicionais cunha mostra de loita galega. Ás 19:00 horas chegará a música da man do grupo de Música e Danza Tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura do Concello de Narón.

O Castro de Eiravedra acollerá a tradicional Noite do castro, a partir das 22:30 horas, e os protagonistas serán os veciños e veciñas que integran a Compañía de Teatro Comunitario de Sedes. O concerto do grupo Böj, que comezará ás 00:30 horas, pechará a programación prevista para a xornada do sábado.

Programación do domingo

A cita festiva continuará este domingo co mercadiño artesán, a mostra de artesanía de Luthieres, artesanía en vivo e obradoiros. Ás 12:00 horas haberá unha mostra e exhibición de raza canina a cargo do Club de Raza Can de Palleiro e ás 13:00 voltará o teatro.

Os asistentes poderán degustar de novo os menús do Oenach Gastronómico a partir das 14:00 e xa pola tarde, desde as 17:00, haberá unha exhibición de Xogos populares e Deporte rural, para continuar o programa cunha carreira popular que comezará ás 19:00 horas.

Sobre as 20:30 horas procederase á clausura deste XVIII Oenach Atlántico de Sedes cunha actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón.