FERROL360 | Domingo 31 xullo 2016 | 12:46
A Fundación ‘Parque científico-tecnolóxico Río do Pozo’ contará cunha nova parcela no parque empresarial para construír unha escola infantil. O Concello de Narón cederá a parcela municipal para acollerse ás axudas da Xunta de Galicia para a construción de escolas infantís en parques empresariais.
O pleno de Narón aprobou este xoves por unanimidade a cesión desta superficie de 1.162,50 metros cadrados, que cumpre os requisitos solicitados na disposición autonómica. A posible construción da escola infantil en Río do Pozo permitiría completar a rede municipal –con centros na Solaina, A Gándara, Piñeiros e Xuvia- e autonómica deste tipo de instalacións.
Na proposta plenaria especifícanse ademais os prazos determinados polo Concello, que demanda o fin das obras nun período de 18 meses -contados desde a obtención da licencia municipal para os traballos- e de dous anos -desde o día seguinte á sinatura do contrato de cesión do terreo-.
No caso de non cumprirse os usos ou non edificar na parcela caducará esta cesión gratuíta, revertindo a finca e o edificado, se fose o caso, na administración local, sen necesidade de aboar ningunha partida económica desde as arcas municipais. Os traballos estarían cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Faepac e festivos locais
Na sesión plenaria aprobouse tamén a adhesión do Concello á Fundación Axencia Enerxétixa Provincial da Coruña -Faepac-, coa que a administración local naronesa vén desenvolvendo varias actuacións nos últimos anos. O acordo contempla, entre outros asuntos, o nomeamento do edil de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, como representante do Concello no Padroado da Fundación.
Así mesmo, aprobáronse como festivos locais para o vindeiro ano 2017 o 23 de novembro, Día de Narón, e o 1 de marzo, Mércores de Cinza.
Mocións
Todos os grupos políticos, excepto o Partido Popular, aprobaron a moción do grupo de goberno para dar apoio á plataforma de vítimas do Alvia 04155. O acordo contempla solicitar ao Goberno central que encargue a unha comisión de expertos e técnicos independentes a investigación do sinistro e a apertura dunha comisión de investigación para depurar posibles responsabilidades políticas.
Pola súa banda, o PP presentou unha moción por vía de urxencia sobre a investigación independente do accidente de Angrois que non saíu adiante. O alcalde recalcou que «o goberno local ten un compromiso coa Plataforma de vítimas e nós respaldamos a moción impulsada desde o colectivo». Blanco puntualizou que se a plataforma respalda a proposta se debatirá noutra sesión plenaria.
O grupo de goberno e EU aprobaron co respaldo de ENE unha moción para apoiar a vivenda digna como ben social e para declarar a Narón como cidade libre de desafiuzamentos e os mesmos grupos respaldaron outra presentada por EU para declarar a Narón municipio libre do tráfico de mulleres e nenas.
Na sesión plenaria rexeitáronse unha moción de ENE sobre a realización de obras con cargo ao Plan Hurbe no ano 2016 e outra do PP relativa á sinatura de convenios.