FERROL360 | Luns 12 setembro 2016 | 00:33
A Galería Sargadelos acollerá este xoves a inauguración da exposición fotográfica O cancro márcanos de por vida, da man da Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea -Asotrame- e a Asociación Oncohematolóxica Por+Vida.
A mostra é unha idea orixinal de Gepac -grupo español de pacentes de cancro-, do que forman parte estas dúas asociacións da comarca, e xa percorreu varios puntos da xeografía do estado dende o 2015, ano no que se presentou esta campaña polo Día Mundial do e da supervivente de cancro.
Esta exposición, en formato foam, simboliza o antes e o despois que a enfermidade crea na vida das persoas que reciben a diagnose. Serviu para trasladar á sociedade as necesidades e problemas que afrontan os pacientes despois de rematar o tratamento e amosar as secuelas físicas, psicolóxicas, sociais, laborais, necesidades difíciles de abordar e que en moitas ocasións non están cubertas.
As entidades organizadoras sinalan que o cancro marca de por vida como o fai unha tatuaxe, no senso de que unha vez que chega ao corpo non se pode borrar. A ‘marca’ do cancro é para sempre. Dita exposición está protagonizada por superviventes de cancro que dan testemuña da súas marcas de por vida.
A mostra estará aberta ata o 29 de setembro.
