FERROL360 | Martes 18 outubro 2016 | 13:47
Sábados Teatrais, o ciclo de teatro organizado polo Concello de Cabanas, chega esta fin de semana ao seu fin. E farao da man do Grupo de Teatro da SCR A Pombiña de Pedroso e a súa obra Quen vai á guerra?, completando así un cartel que inauguraba a compañía local Licor Café e o grupo da SCRD Agarimo de Sillobre.
No salón de plenos do concello este sábado ás 19:00 horas, o Grupo de Teatro da SCR A Pombiña representará a obra, que conta a historia de Marijuana e Maripepa, dúas veciñas que levan toda a vida pelexando. A súa mala relación complicarase máis coa chegada á aldea dun sarxento do exército de terra que vén disposto a recrutar un soldado para afilialo ás súas tropas e envialo á guerra. A cousa non lle será fácil, pois na aldea as únicas persoas válidas para a guerra son precisamente Marijuana e Maripepa.
O Concello conta co respaldo da Deputación nesta iniciativa, xa que dúas das obras –O pai do rapaz e Quen vai a guerra?– foron contratadas a través do programa Rede Cultural.