FERROL360 | Xoves 17 novembro 2016 | 13:56
Este sábado Mugardos acollerá unha nova edición da Xornada software e cultura libre, que organizan conxuntamente o Concello de Mugardos e Asociación Comunidade O Zulo. Trátase dun evento gratuíto que busca achegar a tecnoloxía a todas as idades, dende os máis pequenos ata os maiores.
Obradoiros, xornada de traballo e mesas redondas compoñen o programa desta xornada, na que se falará sobre radio, fotografía, electrónica e tecnoloxías web. A iniciativa desenvolverase en horario de 10:30 a 19:30 horas na Oficina Municipal de Información Xuvenil, na Biblioteca Municipal e no salón de Plenos do Concello de Mugardos.
O programa arrancará co obradoiro «Smartphonografía», de fotografía con teléfonos móbiles. Será de 10:30 a 13:30 horas na Biblioteca, a cargo de Xela Rodríguez. Á mesma hora, e tamén coa mesma duración, comezará o obradoiro de iniciación a electrónica con Arduino. Será na Oficina Municipal de Información Xuvenil e Rafa Couto será o encargado de impartilo.
Durante todo o día levarase a cabo unha xornada de traballo coa Comunidade O Zulo sobre migración a Drupal 8. Será de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas no salón de Plenos do Concello de Mugardos con Javier Cartelle e Alberto Permuy.
Xa en horario de tarde, de 16:30 a 19:30 horas, a Biblioteca acollerá a actividade de Podcast e ficcións sonoras, a cargo de Jorge Lama. Ao mesmo tempo, a Oficina Municipal de Información Xuvenil acollerá o obradoiro de electrónica básica para cativos, que impartirá VermisLab de 16:30 a 18:30 horas.
Pechará a xornada unha mesa redonda sobre a tecnoloxía no movemento asociativo en Mugardos. Os organizadores sinalan que convidarán a todas as asociacións de Mugardos para poñer en común o uso e necesidades da tecnoloxía e tentarán buscar puntos de encontro para traballar en futuros proxectos comúns. Será ás 20:00 horas no salón de Plenos Concello de Mugardos.
Os interesados en participar nesta iniciativa poden inscribirse nesta páxina web.