FERROL360 | Martes 6 decembro 2016 | 11:22
As obras de mellora e acondicionamento dos exteriores do CEI San Ramón, así como o asfaltado de seis vías municipais de Moeche xa comezaron. Trátase de actuacións incluídas no Plan de Acción Social -PAS- da Deputación da Coruña e que ascenden a 165.000 euros.
No centro escolar a primeira fase das obras afecta á zona da pista polideportiva, xa que se procederá á substitución da rede perimetral, pintado da pistas, substitución de porterías e formigonado da parte máis exterior e novos accesos.
A segunda fase, que terá lugar nas vacacións de Nadal, afectará á zona de xogos dos máis pequenos, con novo pavimento, valados, substitución de xogos e zona de areeiro e mellora do pavimento perimetral.
Desde o Concello informan que o PAS inclúe tamén a reforma da Área recreativa da piscina e a adecuación do entorno do castelo. Estas obras están en proceso de adxudicación.