FERROL360 | Sábado 17 decembro 2016 | 14:46
O programa de Turismo escolar da Deputación da Coruña combina un catálogo de recursos e rutas dispoñibles, e centraliza nun único lugar a posibilidade de programar as visitas que queiran facer os centros escolares da provincia.
Deste xeito, os colexios interesados en visitar o Museo do Humor de Fene poden chamar ao 981 08 07 53 ou enviar un correo a turismo.escolar@dacoruna.gal para ver a dispoñibilidade de datas ou saber o número máximo de rapaces por grupo.
Tanto a Deputación como o Concello porán á disposición do colexio unha persoa como guía que explicará os puntos máis destacables e interesantes do lugar. Trátase de que a rapazada disfrute aprendendo sobre o patrimonio e a realidade sociocultural.
O Museo do Humor é o primeiro recurso que entra formar parte do catálogo de propostas de lecer educativo. O horario de atención a grupos escolares é de 10:00 a 14:00 horas de luns a venres, a explicación guiada é gratuíta e dura arredor de hora e media.
Na web do programa especifícase que en cada quenda de visitas se ofrecen 30 prazas e que existe a posibilidade de combinar o paso polo museo con actividades no Parque de Educación Viaria de Barallobre, aínda que neste caso a solicitude deberá tramitarse a través do departamento de Cultura e Ensino ou da sede electrónica municipal.