FERROL360 | Sábado 17 outubro 2015 | 14:04
Fin de semana con citas culturais en Narón que van desde o teatro, ata un espectáculo infantil, pasando por un concerto de música coral. Así este sábado, ás 20:00 horas, no Pazo da Cultura terá lugar a representación da obra teatral La calma mágica, a cargo da compañía Tanttaka Teatro.
O prezo das entradas é de 12 euros para o público en xeral e de 8,40 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados.
O domingo na Praza de Galicia os peques de 0 a 10 anos teñen unha cita co espectáculo musical Unha viaxe polo mundo. Trátase dunha actividade pedagóxica, de balde, a cargo do grupo As Maimiñas. Será ás 18:00 horas e en caso de mal tempo a convocatoria trasladarase ao auditorio municipal, ubicado na mesma praza.
Por último, o domingo chega unha nova cita dentro da XXIV edición do ciclo Tempo de música. Actuarán a Coral Polifónica de “Berres”, da Estrada (Pontevedra) e o Coro de Cámara “Música Viva”, do Carballiño (Ourense).
É a penúltima sesión musical deste ciclo organizado pola AVV do Couto e no que colabora o Concello de Narón. Coma sempre, será ás 18.00 horas no local social da Picota, en O Couto.