FERROL360 | Mércores 21 outubro 2015 | 19:31
A Asociación Galega de Apicultura e os concellos e entidades integrantes da plataforma para busca de solucións para o control da avespa asiática lamentan que a Consellería do Medio Rural non os tivera convocado á xuntanza desde mércores para abordar o problema xerado pola invasión de avespa velutina en Galicia.
Nun comunicado, indican que «non fomos convocados nin representantes dos concellos nin outras entidades que, recentemente, suscribimos xunto con AGA un listado de propostas de actuación inmediata para controlar a praga». Cando hai unhas semanas este colectivo solicitou un encontro coa Xunta, o sector apícola, os concellos e outros colectivos afectados.
Segundo explican no escrito, Medio Rural trasladoulle á AGA a data e a hora da citada reunión solicitándolle que enviase a relación de asistentes. A asociación remitiu os nomes do seu secretario técnico e dos responsables de cinco delegacións, ademais dos de representantes municipais de Ferrol, Neda, Ortigueira, Carballo, As Pontes, Ribadeo, Ourol, Ames e San Sadurniño.
Canda eles tamén se incluiu a representación da Asociación da Froita Autóctona do Eume e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña. Pero segundo indican os integrantes da plataforma, a Xunta remitiu un email no que se remarcaba que á reunión «só poderían asistir dúas persoas da AGA, tal e como se confirmou xusto antes do seu inicio».
Ante esta situación, consideran que é «un mal comezo para a busca dunha solución efectiva e consensuada con todos os actores implicados na loita contra a velutina». Con todo, confían en que Medio Rural reconsidere a a súa postura e que «nos reciba nas condicións en que llo tiñamos solicitado e sen exclusións de ningún tipo».
Desde a plataforma consideran que se debe sumar ao encontro a cantas institucións e organizacións se considere oportuno co obxectivo de «facer achegas proveitosas coas que poder atallar esta invasión que, de non actuar de inmediato, se converterá nun problema de seguridade cidadá e non só ambiental».
AGA non participou na xuntanza deste mércores «ao considerar que Medio Rural debería darlle voz tanto ás entidades apícolas como ao resto de actores que solicitaron o encontro o pasado 8 de outubro».