FERROL360 | Xoves 22 outubro 2015 | 17:35
Os Concellos de Cerdido e Valdoviño chegaron a un acordo para compartir os servizos do arquitecto municipal valdoviñés. O alcalde de Cerdido, Benigno Galego, e a alcaldesa en funcións de Valdoviño, Rosa Ana García, suscribiron un convenio para posibilitar esta medida, que consideran «un exemplo de colaboración entre administracións, que será positivo para os veciños».
Para o rexedor de Cerdido, este acordo supón «un paso máis cara a unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos públicos» xa que o municipio ofrecerá un servizo público que «non podería asumir en exclusiva» polo seu elevado custo económico. Asimesmo, agradeceu a «dispoñibilidade e a colaboración» do goberno de Valdoviño para poder ofrecer aos veciños de Cerdido este servizo.
Pola súa banda, a alcaldesa en funcións de Valdoviño, Ana Rosa García, apuntou que o acordo «é un exemplo de colaboración interadministrativa que suporá unha optimización dos recursos públicos». Neste senso, engadiu que os concellos deben apostar por fórmulas, que sirvan para «camiñar pola senda da cooperación, ofrecendo máis e mellores servizos aos cidadáns e minimizando custos».
O arquitecto realizará os informes técnicos nos expedientes que, en materia urbanística, se tramiten nos Concello de Cerdido e Valdoviño. Entre outras cuestións, realizará expedientes de licenzas de obra e parcelacións, informes para acreditar o cumprimento da legalidade urbanística e de reposición de legalidade nesta materia.
O convenio, que xa está en vigor, ten unha duración de un ano e poderá ser prorrogado automaticamente por períodos anuais ata un máximo de catro anos.