FERROL360 | Luns 26 outubro 2015 | 11:47
A Policía Local de Ferrol identificou esta fin de semana ao presunto autor de varios furtos en establecementos de alimentación da zona de Ultramar. Trátase dun mozo de 23 anos, natural de As Somozas, segundo as pescudas policiais.
Unha patrulla atendeu a chamada dun supermercado na praza de Ultramar, onde este mozo fora sorprendido tratando de saír pola porta con varios produtos que non abonara na caixa.
No establecemento esquecera unha bolsa con alimentos doutro centro que, presuntamente, tampouco pagara. Foi identificado na praza de Sartaña a última hora da tarde do venres 23, e quedou en liberdade.
Campaña de control na seguridade viaria
Por outra banda, a Policía Local desenvolveu na noite do sábado 24 unha nova campaña de control de alcoholemia dentro da programación anual suxeita ao Plan de Seguridade Viaria 2015.
Establecéronse tres bloques horarios: na intersección de Roi Xordo coa Avenida de Compostela, de 00:00 a 02:30 horas, entre as rúas Rochel e Españoleto, de 3:30 a 4:45 e, por último, na rúa Souto, no barrio de San Xoán, de 5:45 a 8:00 horas.
Os resultados deste último control non foron bos, xa que os positivos por alcoholemia retornaron a resultados do ano 2012. Así, dos 146 condutores controlados, deron positivo por alcol 17, 11,64 %.
Cinco dos casos implican a denuncia por un delito contra a Seguridade Viaria, o 29,5 %, e os outros 12 casos se resolveron con sancións administrativas, o 70,5 %.