FERROL360 | Martes 27 outubro 2015 | 18:12
A Galería Sargadelos acollerá unha xuntanza este mércores, a partires das 17:00 horas, para conformar a Plataforma Feminista de Ferrolterra. Están chamadas a esta cita representantes de asociacións, sindicatos, partidos e mulleres independentes, que desexen loitar xuntas pola igualdade e contra o machismo nas súas diferentes manifestacións.
Na xuntanza abordarase, entre outras cuestións, a organización da Marcha contra as Violencias Machistas, que terá lugar en Madrid o 7 de novembro. A unión das mulleres ten demostrado un maior nivel de eficacia nas principais reclamacións e, con ese lema de traballar xuntas, nace a Plataforma Feminista Galega.
A presentación de mocións nos concellos e a recollida de adhesións son algunhas das iniciativas que está a desenvolver a Plataforma Feminista Galega desde a súa creación.
Conferencia na Casa da Muller
Por outra banda, a Casa da Muller acolle tamén o mércores a conferencia «A contracorrente, conferencia sobre as mulleres ocultas na Arte», a cargo da historiadora María José Pena.
Pena achegará aos asistentes información sobre a presenza feminina na arte, moitas veces silenciada e, sobre todo, descoñecida para o público. A cita será ás 11:00 horas.
A conferencia forma parte dun ciclo de conversas que se desenvolverá nas próximas semanas e que forma parte tamén dos proxectos impulsados por mulleres víctimas de violencia de xénero para visibilizar o papel feminino en distintos ámbitos da sociedade, da historia e da cultura.