FERROL360 | Mércores 18 novembro 2015 | 13:22
Desde este mes de novembro e ata xuño de 2016, o Concello de Narón programa unha andaina mensual baixo o programa «Ponte en ruta con nós». Trátase dunha iniciativa pensada para fomentar o exercicio físico ao aire libre e para persoas de tódalas idades.
Para participar é necesario inscribirse previamente e abonar tres euros para facer fronte ao desprazamento desde o punto de partida, no pavillón da Gándara, e regreso unha vez finalice o percorrido. Os participantes recibirán un agasallo e realizarán un descanso para un avituallamento. O número de prazas está limitado a 54.
A primeira andaina será este domingo 22 de novembro, con motivo dos actos programados para a conmemoración do Día de Narón. O percorrido terá lugar polas Gándara e Xuvia, coñecendo algunhas das construcións máis destacadas da zona, como os muíños das Aceñas e de Xuvia. O tempo aproximado da mesma é de dúas horas e a distancia a percorrer de case oito quilómetros.
As seguintes rutas serán o 27 de decembro pola ribeira de Xuvia; o 24 de xaneiro, polo camiño a San André de Teixido; o 21 de febreiro, polo marxe do río Xuvia; o 13 de marzo, ruta Maciñeira; o 24 de abril, os camiños milenarios do Val; o 22 de maio, coñece Narón 1 e, por último, o 26 de xuño, coñece Narón 2.
A dificultade dos percorridos irase incrementando a medida que avanza o programa, tanto en distancia, desde os 7,5 quilómetros da primeira aos 25 da última, como na duración, de dúas horas a primeira ata case sete da última.
Os asistentes terán de prazo para anotarse no pavillón polideportivo da Gándara ata o xoves previo a cada unha das andainas, en horario de 09.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 horas de luns a xoves, e os venres en horario de mañá, de 09.00 a 13.00 horas, abonando a cuota correspondente. Os participantes deberán estar con vinte minutos de antelación no punto de saída.