FERROL360 | Mércores 18 novembro 2015 | 16:20
O artista Suso Basterrechea expón parte dos seus debuxos na Galería da Casa do Concello de San Sadurniño ata o vindeiro 9 de decembro.
Atendendo ás dimensións das obras, que o seu soporte é o papel e que o estilo achégase máis á órbita visual da arte urbana e do grafito, podemos concluír que máis que cadros son carteis.
Os debuxos combínanse de forma acumulativa achegando un discurso complexo e irónico fundamentado nos textos contrapostos ás imaxes.
Esta escolma pode visitarse en horario de mañá de luns a sábado.
Leandro Lamas no salón de plenos
O salón de plenos do Concello de San Sadurniño conta desde esta semana cun cadro de Leandro Lamas. A obra é unha táboa de grande formato cargada de elementos que son unha alegoría do San Sadurniño de hoxe e o do futuro, visto polo artista durante o proceso creativo.
O cadro quere ser representativo dun territorio comprometido co ambiente e a sustentabilidade que ten na súa veciñanza o principal motor dunha sociedade libre, igualitaria e integradora.
De aí que o lugar elixido para expor a obra sexa o salón de sesións.