ARY LÓPEZ | Domingo 29 novembro 2015 | 13:19
A cantante Sés ofreceu este sábado á noite un concerto no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, organizado polo Concello de Ferrol. Previamente, houbo unha actuación da violinista Estrela Viñas e exhibicións de danza das monitoras dos obradoiros da Casa da Muller.
Un numeroso público de todas as idades encheu a carpa situada na praza de España para bailar e cantar con temas como Algo que me anime, Milonga de aquí, Humanamente ou Tempestades de sal.
Como de costume, Sés combinou os seus temas con discursos a prol da liberdade e a igualdade entre homes e mulleres: «Hai que acabar co machismo. A nosa sociedade debe curarse desta enfermidade que mata a millóns de mulleres en todo o mundo», defendeu.