FERROL360 | Martes 15 decembro 2015 | 11:03
O Concerto didáctico, e de balde, para nenos de 0 a 6 anos de Pitusa Semifusa chegará ao teatro Jofre o domingo 27 de decembro. A cita será ás 18:30 horas e desde este sábado xa se poderán recoller as entradas na billeteira do teatro.
Os nenos serán os auténticos protagonistas da actividade, na que aprenderán, gozarán e tocarán os distintos instrumentos. O obxectivo é que recoñezan os diferentes sons desde unha idade temperán.
Esta actuación, que conta coa participación de nomes propios da música galega como Serxio Tannus, Uxía ou Quim Farinha, forma parte da programación do Nadal para os mais cativos da casa da Concellería de Participación e Normalización Lingüística.
As invitacións pódense retirar no horario habitual da billeteira e cada persoa poderá recoller un máximo de catro entradas.
Obradoiro de xoguetes
O venres 2 de xaneiro do 2016 terá lugar un obradoiro de xoguetes de Nadal no Pavillón de Santa Mariña, en horario de 16:00 a 20:00 horas. É de balde e non require de inscrición previa.
O obradoiro consistirá na creación de xogos con materiais de refugallo para nenos de máis de catro anos. Detrás desta proposta está Eira Xandoleira, centrada nos xogos artesanais e de precisión para toda a familia como unha sorte de ludoteca itinerante con xoguetes de todas as épocas.
Esta actividade tamén é parte da programación de Nadal da Concellería de Normalización.
Concurso de cartas aos Reis
O programa de Normalización Lingüística para este Nadal inclúe tamén a convocatoria dun concurso escolar de cartas de Reis para os nenos de Educación Infantil, e 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria.
En cada CEIP de Ferrol hai unha caixa de «Correo Real» para que os rapaces de 3 a 9 anos poidan depositar as súas misivas para o concurso. Todas terán cumprida resposta dos Reis Magos cun pequeno agasallo e as tres mellores de cada categoría recibirán, a maiores, un premio.
Cómpre depositar as cartas antes do 20 de decembro no Correo Real. Cada carta debe conter, ben clariños, os datos do neno ou nena participantes (nome e apelidos, curso, centro, dirección e contacto).