FERROL360 | Mércores 23 decembro 2015 | 18:29
A Comisión Extraordinaria de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos celebrada este mércores aprobou a proposta de aprobación dunha operación de crédito a longo prazo para a conversión e substitución total do capital pendente de amortizar de operacións preexistentes, coa entidade Abanca por importe 1.913.105 euros.
Suporá un aforro total de mais de 600.000 euros para as arcas do Concello no pago dos intereses, ao lograr unha oferta para o capital pendente que rebaixa, substancialmente, os xuros que estaban prefixados.
«Era importante deixar lista esta operación de crédito para non seguir pagando xuros de mais. O propósito desta comisión extraordinaria era aprobar esta proposta para incluila na orde do día do pleno do luns 28, o derradeiro do ano», explicou a concelleira de Facenda, Eugenia Freire.
Freire lembrou que a conveniencia desta operación xa fora discutida nun pleno previo. A corporación acordara solicitar ofertas para refinanciar dous créditos que sumaban 1,9 millóns de euros, un deles de un millón aproximadamente e o segundo, polo monto restante.
«Recibimos dúas ofertas de dúas entidades bancarias pero unha delas só se facía cargo da parte do crédito que tiña concertado co Concello mentres que a segunda oferta, era polo importe total e cunha rebaixa no tipo de xuro cun 0,16 menos do que nos pediramos na oferta», manifestou Freire.