Publicidad

O Seixo de Bernardo Máiz

XESÚS ANDRÉS LÓPEZ PIÑEIRO | Luns 28 decembro 2015 | 13:26

O historiador Bernardo Máiz ven de sacar un libro sobre o seu lugar de residencia que titulou O Seixo. Na outra Banda da banda de Ferrol. 1730-1930. Para aqueles que non coñecen Ferrolterra, compre dicir que o Seixo é unha parroquia do concello de Mugardos -inda que os seixenses o levan mal- que non chega aos mil habitantes.

Neste libro de historia local, Máiz fai un exercicio -sen rede- no que deixa aos lectores máis que satisfeitos. En primeiro lugar non cae no localismo tan tópico que soe abondar nestes traballos, polo que a obra léese con facilidade. De seguido metémonos en materia por canto vai xunguindo a historia de O Seixo coa historia non solo de Ferrol senón de toda a comarca de Ferrolterra.

Mellor o di o autor ao empezo do libro: «hoxe teño por certo que a única historia de interese é a que nos engada, a que combina o grande co pequeno, a estatística coa anécdota, a ledicia coa tristura, o propio co alleo, esa narración que é útil pois é capaz de traer ao presente un pasado que noutro caso perderíamos, un pasado que pode axudar a entender o actual e as veces para preparar o futuro».

Así vincula O Seixo coa comarca do Eume, por ser o porto que unía a banda do sur da Ría co centro naval que foi -non sei si segue a ser- Ferrol. Mais logo a vida do Seixo anímase cada vez que Ferrol respira profundo e que lle da vida coa construción de barcos.

«Nunha Ferrolterra excéntrica e periférica… foi conformándose de arredor dun mundo naval que, como sinala atinadamente Clemente Cubillas, dende o século XVIII a estes comezos do século XXI xerou riqueza e chamou por man de obra foránea en catro períodos de gran actividade na construción naval (de 1730 a 1790, de 150 a 1890, de 1910 a 1934 e de 1960 a 1985), seguidos no paso dos tres séculos por catro profundas crises, tamén demográficas. Loxicamente, O Seixo pasou por esas mesmas etapas».

Pero tamén aporta datos importantes da historia galega, referenciados a súa vila. O tema do tren que chega a Ferrol no ano 1913 demorado mais de corenta anos, lembrando o que hoxe está a pasar co mesmo tema. A inmensa obra dos emigrantes, na educación, nas ideas, na modernización de Galiza, e mesmo na transformación do agro. O papel dos mestres, do primeiro sindicalismo ferrolá ou de Solidariedade Galega… Son moitos os temas que toca, para compoñer unha historia local que forma parte da melodía galega.