FERROL360 | Xoves 30 xullo 2015 | 17:27
Os nacionalistas de Cabanas critican que o alcalde, Germán Castrillón, aumente o seu salario un 10 % e vaia percibir 30.000 euros anuais por 29 horas semanais. Unha proposta que foi aprobada no Pleno deste mércores cos votos do PP e da concelleira de Agrupación de Electores de Cabanas.
A anterior proposta de 32.900 euros por 35 horas semanais foi rexeitada pola oposición, pero segundo o voceiro do BNG, Iago Varela, a que foi aprobada «supón na práctica unha suba do 10 %, pois coa inicial a hora saía a 18,07 euros e coa nova 19,89 euros», é dicir, 1,82 euros máis por hora.
Varela, acusou aos populares de «querer facer parva á veciñanza de Cabanas cunha suba encuberta» e lamentou que a concelleira de AEC apoiase a proposta cando no pleno de organización votou a favor da iniciativa do BNG, que situaba en 20.000 euros o salario do rexenor por 35 horas semanais.
Apoio ao sector lácteo
Por outra banda, na sesión plenaria aprobouse unha moción do BNG en defensa do sector lácteo galego, que contou cos votos a favor de toda a oposición. Tamén saíu adiante unha iniciativa dos nacionalistas para adaptar os locais electorais para que as persoas con discapacidade poidan exercer o seu dereito ao voto con plenas garantías.