FERROL360 | Sábado 26 setembro 2015 | 17:07
Este domingo comezará unha nova edición do ciclo Tempo de Música da man da Banda Xuvenil Sementeira. A actuación terá lugar no local social da Picota, na parroquia do Couto, a partires das 18:00 horas.
O evento, que chega a súa XXIV edición, está organizado pola Asociación de Veciños do Couto e conta coa colaboración da Federación Coral Galega e da Deputación da Coruña. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro agradeceu o traballo da entidade que, «ano tras ano organiza esta cita musical que xa está consolidada neste concello e está a punto de cumprir as súas bodas de prata».
O programa que se inicia este domingo continuará o 4 de outubro, coa actuación da agrupación musical A culpa foi de Lolo, de Neda e da Coral Polifónica La Salle, de Santiago de Compostela. Na xornada do 11 de outubro a xornada correrá a cargo das corais Vilalbesa, de Lugo, e San Salvador de Camanzo, de Vila de Cruces.
O día 18 do vindeiro mes será o turno da Coral Polifónica de Berres, da Estrada e do Coro de Cámara Música Viva, do Carballiño. A última das xornadas programadas na XXIV edición do ciclo Tempo de Música do Couto, o día 25, correrá a cargo da Coral Polifónica de Verdoejo, de Valença e pechará, como é habitual, a Coral Amistade, da Asociación de Veciños do Couto.
Todas as actuacións programdas comezarán ás seis da tarde.