Publicidad

O IES Moncho Valcarce de As Pontes recibe a visita de activistas de África e Centroamérica

FERROL360 | Martes 7 abril 2015 | 19:26

Achegar o mundo da cooperación ao alumnado galego é o obxectivo do proxecto «O mundo que queremos». Deste xeito, o alumnado do IES Moncho Valcarce de As Pontes recibirá este mércores a visita de tres activistas de África e Centroamérica para falar de cooperación para o desenvolvemento.

Cristiana Francisca, Rina Abrego e Braima Sambu explicarán aos rapaces o traballo que realizan as súas organizacións para mellorar a vida das comunidades en República Dominicana, O Salvador e Guinea Bissau e como utilizan o teatro e a radio como medio de sensibilización e denuncia nas súas comunidades.

Cristiana Francisca, de República Dominicana, é a presidenta de Mudha (Movimiento de Mujeres Domínico Haitianas). Esta organización,entre outras moitas accións, utiliza o teatro de rúa como medio para denunciar as inxustizas políticas, sociais, culturais e humanas ás que se ve sometida a poboación dominicana de ascendencia haitiana.

Rina Abrego, do Salvador, é técnica de Aprocsal, organización que loita polos dereitos das mulleres e polo dereito humano á salud. Dende Aprocsal tamén utilizan o teatro como medio para sensibilizar sobre xénero, saúde sexual e reprodutiva e medio ambiente.

Braima Sambu, de Guinea Bissau, é o responsable de proxectos de Alternag, organización que xestionou ‘Radio Catió’, unha emisora comunitaria que na actualidade é autoxestionada polo Centro Social Multifuncional Xuvenil de Tombalí en colaboración con organizacións de base. Braima encárgase de coordinar ás entidades locais que dirixen a radio.

Estas experiencias de participación cidadá e denuncia a través do teatro e a radio, así como a importancia de poder ter unha voz propia, serán a temática básica das charlas que impartan ademais de en As Pontes nos centros educativos de Boiro, Rianxo, Alfoz-Valadouro, Miño, Beade, Viana do Bolo e Castroverde.

«O mundo que queremos» é un proxecto de educación para o desenvolvemento, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Esta iniciativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as dinámicas locais e as desigualdades globais a través da comunicación (podcast, imaxes e teatro) como medio para sensibilizar e transformar, e utilizando como fío temático os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Publicidad

Banner Parque Ferrol