FERROL360 | Venres 10 abril 2015 | 22:43
Pleno extraordinario en Cerdido este venres para dar luz verde ao proxecto de mellora das instalacións deportivas e educativas municipais. Todos os grupos votaron favorablemente esta proposta, que será financiada integramente pola Deputación da Coruña cun orzamento que ascende a 137.541 euros.
Nun comunicado de prensa, o PSOE critica que o goberno local non entregou ningún tipo de documentación, nin do proxecto, nin das actuacións previstas. Así, os socialistas indican que para poder estudar o contido do proxecto tiveron que solicitar a información por Rexistro hai unha semana.
O voceiro socialista, Beningo Galego, interesouse na sesión pola partida de 15.000 euros da modificación de crédito, que non se investiu na obra de mellora das gradas do campo de fútbol. Tamén lamentou os 38.000 euros gastados nas obras do parque infantil, que terá que reubicarse pola perigosidade do seu ámbito, o lamentable estado dos xogos e a súa falta de revisións e mantemento, segundo un informe técnico.
