FERROL360 | Luns 13 abril 2015 | 17:44
As rúas do casco histórico de Neda acollerán esta fin de semana a cuarta edición do Mercado Medieval. A cita arrancará o venres ás 18:00 horas e reunirá a medio centenar de postos de artesanía, algúns con demostracións do traballo como o de vidro ou madeira. Asimesmo, haberá unha gran taberna e non faltará a animación a pé de rúa, como malabares ou espectáculos de lume.
Por outra banda, o o estudo de fotografía Zebral habilitará un photocall para aqueles que desexen levarse un recordo do seu paso pola real vila. E que mellor xeito de saír na foto que vestidos coas roupas típicas da época? Para elo a perruquería Lomena e a mercería Mary alugarán e venderán vestimenta do medievo.
Con motivo da celebración da cita, a Policía Local vén de articular un dispositivo especial de tráfico polo que se prohibirá o estacionamento e circulación dos vehículos nas rúas Real, Sobre a Vila e Paraíso. A prohibición comeza ás 15:00 horas deste xoves e rematará á tardiña do domingo.
O Mercado Medieval permanecerá aberto o sábado e domingo en horario de mañá e tarde.
