FERROL360 | Luns 13 abril 2015 | 18:45
O BNG de Narón vén de rexistrar unha moción para o seu debate no pleno deste mes na que se demanda ao Goberno central a paralización do traspaso do Rexistro Civil aos rexistros da propiedade e mercantís e á Xunta de Galiza que se garanta o carácter público e gratuíto deste servizo.
A formación nacionalista lembra que o Rexistro Civil é un servizo público e gratuíto que cumpre numerosas funcións, «indispensábeis para a vida diaria de calquera persoa: inscrición de nacementos, estado civil, cambio de nome ou sexo, etc», cos que poder acreditar ademais a súa situación persoal para, entre outras cousas, poder percibir unha prestación ou axuda pública.
O BNG naronés sinala tamén que a protección de datos persoais que contén o Rexistro Civil «queda en evidencia ao se pór en mans de persoal que non é funcionario público nin ten o deber de confidencialidade».
