FERROL360 | Xoves 16 abril 2015 | 15:43
O tramo do antigo peirao de Cedeira, entre a ponte vella e a nova, gardaba un segredo agora descuberto. Alí estaba agochada a áncora do Paolina R, un veleiro xenovés que se dirixía a Nova York e que naufragou en augas de Cedeira debido a un terrible temporal no ano 1887. A tripulación salvouse dunha morte segura grazas aos veciños da vila.
O Concello de Cedeira encargou o descubrimento da áncora e as tarefas de busca tiveron lugar nestes días cun resultado satisfactorio. Agora se cubrirá a superficie cunha placa de cristal resistente para que todos aqueles que percorran o Paseo da Mariña poidan contemplar a peza.
Tamén se encargou un panel informativo no que se detallará a historia da áncora. Unha historia coa que se pretende homenaxear a aqueles cedeireses e cedeiresas que salvaron a vida dos trece tripulantes do Paolina R. Un feito histórico que foi premiado pola Sociedade de Salvamento de Náufragos.
