FERROL360 | Venres 17 abril 2015 | 19:14
A deputada do BNG Rosana Pérez ven de rexistrar unha iniciativa no Congreso na que pide explicacións ao Ministerio do Interior pola negativa dun funcionario da comisaria de Ferrol a atender a un cidadán por falar en galego, segundo denunciou a Mesa pola Normalización Lingüística este xoves.
O BNG tamén quere saber cal é a postura de Interior sobre este asunto e se considera que o acontecido supón «unha actitude intolerábel». Asemesmo, os nacionalistas preguntan se o Ministerio vai dar instruccións precisas para que os funcionarios das comisarias en Galicia respecten os dereitos lingüísticos dos galegos.
«O BNG considera que sería pertinente que neste caso o Ministerio do Interior dese as oportunas instruccións para que situacións asi non se volvan a repetir», indica o BNG nun comunicado. Ademais, desde o Bloque sinalan que «estamos diante dun caso de discriminación lingüística clara» e «de falla de respecto aos dereitos lingüísticos».
Os nacionalistas afirman que non hai semana que non se produza un caso de vulneración da toponimia oficial de Galicia por parte dalgunha administración e de negativa da Adminstración Xeral do Estado a atender trámites ou expedientes en galego.