FERROL360 | Sábado 9 maio 2015 | 17:09
O paseo marítimo de Xuvia acolleu este venres a meta da VIII Marcha Ciclista Escolar, organizada polo equipo de Educación Vial Municipal do Concello de Narón, en colaboración coa Policía Local, Protección Civil, asociacións ciclistas e firmas comerciais, e profesorado e ANPAS de once colexios de Narón e Neda.
O evento partiu das inmediacións do Pazo da Cultura, percorreu a Estrada de Castela e chegou ata o paseo de Xuvia, onde os 1.200 escolares que participaron compartiron unha merenda e un rato de convivencia. Cabe lembrar que Narón ten celebrado esta Marcha Ciclista dende os últimos oito anos, dentro do programa de Educación Vial que se desenvolve nos centros de ensino.
Nesta ocasión, contouse coa participación de alumnos de 3º a 6º de Educación Primaria dos colexios de A Solaina, Virxe do Mar, Santiago Apóstol, Ponte de Xuvia, O Feal, A Gándara, Piñeiros, Jorge Juan, Ayala e Maciñeira (Neda) e usuarios de Educación Especial da Asociación Nosa Señora de Chamorro.
Tamén participaron dous nenos con mobilidade reducida grazas á doazón de bicicletas de tres rodas (cedidas por Rosa López Losada, da Asociación ASCM).
