R. S. | @raulsalgado | As Somozas | Domingo 17 maio 2015 | 22:30
Míchel Alonso adoptará nos vindeiros días unha decisión sobre a súa continuidade no banco do Somozas como resolución ás súas negociacións coa directiva. O clube xa expresou que conta con el tras unha tempada para a historia e el asume que «mellor que aquí non vou estar en ningún sitio».
Así pronunciouse este domingo a preguntas de Ferrol360 ao remate do encontro do Alcalde Manuel Candocia. O técnico ferrolán xa sinalou nos últimos días que pretende analizar en detalle as perspectivas de cara ao vindeiro ano deportivo antes de confirmar a súa renovación no Somozas.
Cuestionado pola goleada ante o Sporting B, dixo que «cos dous equipos xogándose algo non se daría este resultado». Recoñeceu que quixo «premiar á plantilla», citando os casos concretos de Andrés Vidal ou Pablo Pérez Blanco, que xogaron este domingo tras varias semanas lonxe do céspede.
Concepto futbolístico
Ao seu xuízo, todos os xogadores respectaron ao longo deste ano o «concepto» futbolístico do Somozas e todos «tiveron un momento para axudar ao equipo» esta tempada. O cheiro a churrasco, o da festa posterior ao partido para equipo e afección, estimulou o xogo no segundo tempo, ironizou Alonso.
O encontro estivo «moi aberto», segundo o preparador, que «intuía que podería haber goles, pero non tantos». Para o adestrador, o filial de Xixón ten «xogadores escollidos», de calidade, que decantan un compromiso deste tipo.
Na súa opinión, «en condicións normais non era o partido que nos conviña», xa que o rival ten un «nivel técnico alto», pero a «segunda volta espectacular» de Somozas e Sporting B impedía que este domingo houbese algo relevante en xogo.

