Publicidad

O Concello de Pontedeume coloca un valado provisional para separar o IES do aparcadoiro

FERROL360 | Martes 23 xuño 2015 | 17:58

Este martes colocarase un valado provisional para separar o IES do aparcadoiro aberto recentemente, xa que o centro educativo quedou sen peche e calquer persoa podía pasar dun a outro ao non haber ningunha barreira que o impedise.

O alcalde de Pontedeume critica que o anterior goberno abrira o aparcadoiro un día antes do pleno de investidura a pesar da evidencia de que a obra non estaba terminada. Unha actuación que Bernardo Fernández califica de «total irresponsabilidade».

Os traballo para a colocación dun valado tipo metálico, de dous metros de altura e suxeito ao chan, arrancaron este martes e estará previsto que rematen este mércores. Trátase dunha solución provisional á espera de que o Concello redacte o proxecto para a construción do peche definitivo, xa que o anterior goberno non o incluíu na súa iniciativa. Terá que ser asumido polas arcas municipais.

Por outra banda, nos vindeiros días o Concello procederá a pintar as prazas que delimente as zonas para estacionar e de paso. Tamén se lle pediu á empresa encargada que dispoña area nas bases das árbores, xa que os ocos supoñen un risco material para as rodas dos vehículos.

O goberno municipal lamenta que se puxera en funcionamento unha «obra inacabada» cos claros riscos para a seguridade, máxime con escolares menores de idade como posibles afectados.