Publicidad

A Xunta confía en que as melloras no mercado de Ares dinamicen as vendas

FERROL360 | Martes 13 xaneiro 2015 | 13:55

Vista este martes ao mercado de Ares da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, ademais do alcalde da localidade, Julio Iglesias, para comprobar de primeira man as melloras realizadas na praza de abastos grazas a unha axuda da Consellería de Economía e Industria de 90.000 euros.

Na visita, Vázquez sinalou que as reformas realizadas no interior, entre as que se atopan o acondicionamento dos postos e a instalación dunha nova balaustrada, permitirán atraer máis clientela e dinamizar as vendas no mercado de Ares.

Neste sentido, a directora xeral de Comercio salientou que as prazas de abastos se configuran como auténticos motores do comercio de proximidade, destacando a colaboración do Goberno galego cos concellos para potenciar os mercados, impulsando unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a súa esencia, baseada na calidade, a diversidade, e a atención ao cliente.

Desde a Xunta de Galicia informan ademais que xa está en marcha unha nova convocatoria do programa para impulsar as asociacións de comerciantes na dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros.

A través desta convocatoria de axudas, que se enmarca na estratexia específica do Goberno galego para impulsar o comercio de proximidade como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas, apoiaranse diferentes actuacións que permitirán atraer nova clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

Vázquez, do Campo e Iglesias durante a súa visita ao mercado (cedida)
Vázquez, do Campo e Iglesias durante a súa visita ao mercado (cedida)