Publicidad

Narón renova o compromiso co programa Vacacións en Paz

FERROL360 | Mércores 21 xaneiro 2015 | 17:23

O Concello de Narón renova o convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, en virtude do cal realiza unha achega económica de 5.000 euros para financiar a viaxe de cinco nenos dende os campamentos de Tinduf, no Sáhara, ata Narón para pasar o verán con familias de acollida.

Así, xa está aberto o prazo de solicitude para participar no programa durante este verán. Os interesados poden informarse de tódolos detalles do programa Vacacións en Paz no primeiro andar do Concello, no Servizo Sociocomunitario.

Os nenos saharauís aproveitan a estancia en Galicia para realizar revisións médicas e oftalmolóxicas. «Trátase de que saian de alí o maior número de nenos posible», indicou Benigno López, coordinador comarcal da entidade, quen apuntou que en 2014 acolléronse en Galicia a máis de 300 menores de entre 8 e 12 anos.

A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí promove outras actividades para recadar fondos co fin de poder traer ó maior número de nenos posible. Nestes momentos realízase unha campaña de recollida de roupa usada para a súa reciclaxe co fin de obter ingresos económicos cos que xestionar o programa. Estase a realizar no baixo da Casa da Cultura.