Publicidad

A Deputación levará ao pleno de febreiro o proxecto de reforma da estrada Ares-Chanteiro

FERROL360 | Mércores 21 xaneiro 2015 | 20:17

A Deputación da Coruña ten previsto aprobar no pleno provincial de febreiro a primeira fase do proxecto de reforma da estrada Ares-Chanteiro. Nesta fase se investirán máis de 1,2 millóns de euros e se actuará sobre 3,6 quilómetros, ao longo dos cales se construirá un andén peonil e se ampliará a estrada.

Trátase do primeiro paso para poder iniciar o proceso de expropiación dos terreos necesarios para a ampliación co levantamento de actas previas. Desde o organismo provincial informan que este proceso se realizará pola vía de urxente ocupación. Na segunda fase do proxecto actuarase desde o punto quilométrico 3,6 ata o 4,6 e procederase á ampliación da estrada e a dotación de senda peonil.

O presidente da Deputación, Diego Calvo, recibiu esta tarde á asociación veciñal da zona para explicarlles de primeira man o proxecto e atender ás súas peticións. Mentres, o alcalde de Ares convocará unha xuntanza informativa cos veciños de Lubre, Cervás e Chanteiro para este sábado ás 12:30 horas no local do CIRS de Cervás para tratar este asunto.