FERROL360 | Venres 27 febreiro 2015 | 14:07
O Ateneo Ferrolán acolle este venres, a partires das 19:30 horas, unha sesión para reflexionar e debatir sobre a situación de Palestina e, sobre todo, a especial incidencia que ten sobre a poboación infantil. Elvira Souto e Lucía Barros, activistas de BDS-Galiza, presentarán senllos relatorios sobre esta temática; ademais, proxectarase a curta Película urgente por Palestina, de Alberte Pagán.
Precisamente, a sesión arrancará coa proxección da cinta do cineasta do Carballiño Alberte Pagán, Película urgente por Palestina. A curtametraxe, gravada en Palestina polo propio director en 2012, preséntase no propio texto en off do filme como «un panfleto sobre o sufrimento cotián, sobre o sufrimento histórico, sen imaxes, sen palabras».
A continuación, e baixo o título Sionismo, limpeza étnica e infancia, intervirán Elvira Souto e Lucía Barros, activistas de BDS-Galiza. Souto explicará a historia, funcionamento e obxectivos de BDS-Galiza, así como o xeito de participar da campaña.
Pola súa banda, Lucía Barros falará da súa propia experiencia en Palestina, a onde viaxou en 2012 coa ONG Sodepaz. No seu relatorio, Barros incidirá naqueles aspectos que vulneran de xeito máis directo a vida dos nenos e as nenas.
A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), BDS-Galiza (Campaña Internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel) e o Ateneo Ferrolán son os organizadores do acto.
