Publicidad

Noite de góspel con fins solidarios a cargo do grupo Aba Taano o venres en Cedeira

FERROL360 | Mércores 4 marzo 2015 | 15:24

O sexteto vocal a capella Aba Taano cantará en zulú, swahili, luganda, runyancore e tamén interpretará góspel tradicional en inglés e pop. Cantan e bailan ao mesmo tempo nun espectáculo único, cheo de ritmo e alegría.

Este verán participaron nos World Choir Games celebrados en Riga e obtiveron a medalla de ouro dentro da categoría de Música Espiritual e de Fe. Ademais, gañaron o premio outorgado polos directores artísticos pola súa versión da canción oficial dos Xogos.

Así mesmo, axudan cos seus cantos a financiar o proxecto humanitario de Música Para Salvar Vidas, cuxa labor é axudar a nenos e nenas orfas procedentes de Uganda a labrar o seu futuro por medio da música e a danza, desenvolvendo, deste xeito, a súa confianza e talento.

A cita con Aba Taano será este venres no Auditorio Municipal de Cedeira ás 21:30 horas. O prezo das entradas é de oito euros e pódense adquirir na taquilla o mesmo día da actuación, dende as 20:30 horas, ou reservar a entrada chamando ao teléfono 649 87 66 14.